Fundado por Francisco Vales Villamarín en 1948. Revista de investigación histórica, artística, literaria e antropolóxica de ámbito galego aínda que centrada especialmente na temática betanceira. Conta tamén cunha recompilación dos acontecementos do ano e coas memorias de actividades das diferentes asociacións locais.
O Anuario Brigantino é unha das publicacións incluída na categoría C-Normal segundo valoración do Ministerio de Cultura de España integrada na base de datos ISOC de Ciencias Sociais e Humanidades, clasificada pola UNESCO. Os seus artigos son seguidos nas bases de dados do CSIC e consta na categoría D de Ciencias Sociais e na C de Ciencias Humanas para a Clasificación Integrada de Revistas Científicas (CIRC).
O Anuario Brigantino publicouse por primeira vez en 1948, dende entón teñen saído máis de corenta números. Todo o contido da revista está accesible en liñas, en repositorios como Dialnet[1]
Os primeiros números, dirixidos por Francisco Vales Villamarín estaban directamente ligados á revista dos Xogos Froraes publicada en 1918, organizados polas Irmandades da Fala. Despois dos números de 1948 e 1949 non se publicou en 1950, retomándose en 1951 e deixándose de publicar novamente durante trinta anos.
En 1981 retomouse a publicación, da man do mesmo director, ata a chegada de Alfredo Erias ao Museo das Mariñas en 1983, encargándose entón da súa edición ata o ano 2020 no que se xubilou. O número 44, relativo ao ano 2021[2], xa foi dirixido polo novo director do Museo das Mariñas, Ángel Arcay Barral[3]