Saltar ao contido

Portal:Palestina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
null
Mapa de Palestina Benvido ó Portal de Palestina!
أهلاً بكم في بوابة فلسطين!

Portal de Palestina

Palestina (árabe: فلسطين, Filasṭīn, Falasṭīn ou Filisṭīn), oficialmente declarado como o Estado de Palestina (árabe: دولة فلسطين, Dawlat Filasṭin), é un Estado con recoñecemento limitado situado no Oriente Medio, máis concretamente no Levante mediterráneo, e que limita con Israel, Xordania, Exipto e a ribeira suroriental do mar Mediterráneo. Tamén é considerado un protoestado. Foi proclamado no exilio en Alxer o 15 de novembro de 1988, cando o Consello Nacional da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) adoptou a declaración de independencia de Palestina de forma unilateral. Nese tempo a OLP non exercía control sobre territorio ningún, e era un goberno no exilio. Aínda hoxe parte do territorio reclamado mantense baixo ocupación israelí. Reivindica os territorios palestinos definidos antes da guerra de 1967, e designou a Xerusalén Leste como a súa capital. A mesma decisión tomouse tamén polo Consello Lexislativo Palestino en maio de 2002 cando aprobou a lei básica da Autoridade Nacional Palestina, que sostén sen ambigüidade que «Xerusalén é a capital de Palestina». Ramala é a capital administrativa onde están situadas as institucións gobernamentais e oficinas representativas estranxeiras. A condición final de Xerusalén está en espera de futuras negociacións entre Israel e a Autoridade Nacional Palestina. As Nacións Unidas e a maioría de países non acepta a anexión de Israel de Xerusalén Leste por medio da Lei de Xerusalén de 1980 e mantén as súas embaixadas ante Israel en Tel Aviv. En 1994, conforme aos acordos de Oslo entre a OLP e o Goberno de Israel, foi establecida a Autoridade Nacional Palestina como unha entidade administrativa transitoria. O 31 de outubro de 2011, foi admitida como membro número 195 da UNESCO, como estado membro de pleno dereito.

O 29 de novembro de 2012 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Resolución 67/19 (proxecto de resolución A/67/L.28) en virtude da cal concedeu a Palestina a condición de «Estado observador non membro» da organización, reafirmando ademais o dereito do pobo palestino a un territorio baixo as fronteiras definidas antes da Guerra de 1967. Esta resolución non implica aínda a admisión de Palestina como membro pleno da organización, pois para iso necesitaríase da aprobación do Consello de Seguridade das Nacións Unidas no cal Estados Unidos se opón. O 17 de decembro de 2014 o Parlamento Europeo apoiou publicamente o recoñecemento do Estado de Palestina, tras facelo os parlamentos de varios países membros como Reino Unido, España, Francia, Irlanda e Italia. O recoñecemento do Parlamento Europeo e dos parlamentos nacionais é puramente simbólico, xa que o recoñecemento efectivo débeno realizar cada un dos gobernos dos estados membros. Na actualidade, o único país da UE que o recoñeceu sendo xa membro da Unión foi Suecia, en maio de 2015 tamén foi recoñecido oficialmente pola Santa Sé.

Artigo destacado

editar

Nakba é un termo árabe (النكبة) que significa "catástrofe" ou "desastre". Úsase para designar o éxodo palestino (en árabe الهجرة الفلسطينية, al-Hijra al-Filasteeniya). A Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos (UNRWA), define como refuxiados palestinos as "persoas cuxo lugar de residencia diario era o mandato británico de Palestina entre xuño de 1946 e maio de 1948 e que perderon as súas casas e medios de vida como consecuencia da guerra árabe-israelí de 1948". Devandita definición tamén inclúe os seus descendentes.

Tamén denominada como a "catástrofe palestina", representou a destrución da sociedade e a patria palestina entre 1947 e 1948, e o desprazamento permanente da maioría dos árabes palestinos. O termo utilízase para describir os acontecementos de 1948 e a actual ocupación dos palestinos nos seus territorios ocupados (Cisxordania e a Franxa de Gaza), como tamén a súa persecución e desprazamento nos territorios palestinos e nos campos de refuxiados palestinos presentes na rexión.

Os acontecementos da Nakba desenvolvéronse durante e pouco despois da guerra de 1948, e inclúen a declaración sobre o 78% do mandato británico como Israel, a expulsión e fuxida de 700 000 palestinos, o despoboamento e destrución de máis de 500 pobos palestinos polas forzas armadas israelís e o seu posterior borrado xeográfico, así como a negación do dereito palestino ao retorno, a creación de refuxiados palestinos permanentes e a "desintegración da sociedade palestina". A expulsión dos palestinos foi descrita desde entón por algúns historiadores, como Benny Morris e Ilan Pappé, así como investigadores da Nakba, como Salman Abu Sitta, como unha limpeza étnica.

Antes, durante e despois da guerra de 1947-1949 centos de cidades e pobos palestinos foron despoboados e destruídos. Os nomes xeográficos de todo o país foron borrados e substituídos por nomes hebreos, tanto derivados da nomenclatura histórica palestina, como novas invencións. Numerosos lugares históricos non xudeus foron destruídos, non só durante as guerras, senón nun proceso posterior ao longo de varias décadas. Por exemplo, máis do 80% das mesquitas dos pobos palestinos foron destruídas e retiráronse obxectos de museos e arquivos. En Israel promulgáronse diversas leis para legalizar a expropiación de terras palestinas.

A expulsión pola forza ou "desprazamento obrigatorio" da poboación autóctona palestina tivo outros episodios, como o da Naksa de 1967 coa guerra do Seis Días, na que máis palestinos se viron obrigados ao exilio, e moitos deles por segunda vez. Israel nega toda responsabilidade respecto dos refuxiados e atribúea aos países árabes. A posición maioritaria no Estado de Israel respecto ao retorno dos refuxiados árabes e os seus descendentes é que, de concretarse, a existencia de Israel como Estado xudeu e democrático, piares do sionismo, veríase seriamente comprometida desde o punto de vista demográfico, dado que a poboación árabe converteríase en maioritaria en Israel.

O día da Nakba (en árabe: يوم النكبة yawm al-nakba) é o día no que os palestinos conmemoran o inicio do éxodo (a creación do estado de Israel). Celébrase o 15 de maio e é a data conmemorativa máis importante do calendario palestino, sendo conmemorado con protestas e celebracións, tamén fóra de Palestina.

En 2023, o ataque liderado por Hamás contra Israel desencadeou unha guerra que aínda non rematou na cal os israelís ordenaron a evacuación de máis dun millón de palestinos cara ao sur da franxa de Gaza. Un documento interno do Ministerio de Intelixencia de Israel, recoñecido polo primeiro ministro Benjamín Netanyahu, propuxo mesmo a evacuación permanente da poboación de Gaza á Península do Sinaí en Exipto, algo que moitos medios internacionais, e até políticos e un ministro israelís, consideraron como unha nova Nakba, tanto na Franxa de Gaza como en Cisxordania, e que non foi aceptado por Exipto nin polos afectados.

Lugar de interese

editar

Tell es-Sultan (en árabe: تل السلطان, lit. Outeiro do Sultán), tamén coñecido como Tel Jericho ou Antiga Xericó, é un sitio arqueolóxico e un Patrimonio da Humanidade da UNESCO en Palestina, na cidade de Xericó, que consiste nos restos da cidade fortificada máis antiga do mundo.

Está situado xunto ao campo de refuxiados de Ein es-Sultan, a dous quilómetros ao norte do centro da cidade palestina de Xericó. O tell estivo habitado desde o X milenio a.C., o que sitúa a Xericó entre as cidades máis antigas habitadas continuamente do mundo. O sitio destaca polo seu papel na historia da arqueoloxía levantina.

A área identificouse por primeira vez como o lugar da antiga Xericó na época moderna por Charles Warren en 1868, baseándose na súa proximidade á gran fonte de Ein es-Sultan, que fora proposta como a fonte de Eliseo por Edward Robinson tres décadas antes.

Artigos de calidade (0)

Artigos bos (1)

Imaxe destacada

editar

Danos en edificios residenciais no barrio de Rimal da cidade de Gaza, causados ​​por un ataque aéreo israelí o 9 de outubro de 2023.
Vexa o artigo Guerra de Gaza.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

Shireen Abu Akleh (en árabe: شيرين أبو عاقلة), nada o 3 de abril de 1971 e finada o 11 de maio de 2022, foi unha xornalista palestina-estadounidense que traballou como reporteira para a canle en lingua árabe Al Jazeera durante 25 anos, até que morreu executada por un francotirador do exército israelí mentres reportaba unha incursión militar das Forzas de Defensa de Israel en Xinin, a terceira cidade máis importante de Palestina.

Ao longo da súa traxectoria, cubriu numerosos acontecementos da historia de Palestina á vez que analizou a política de Israel. As súas reportaxes televisivas e os seus peches de transmisión fixéronse moi coñecidos, e como xornalista líder no mundo árabe, inspirou a moitos árabes e palestinos (especialmente mulleres) a comezar a súa carreira no xornalismo.

O 11 de maio de 2022, mentres vestía un chaleco azul coa palabra "PRESS" escrita nel, recibiu un disparo e foi asasinada mentres informaba dunha incursión das Forzas israelís (IDF) no campo de refuxiados de Xinín, en Cisxordania. Investigacións independentes levadas a cabo por Associated Press, Bellingcat, CNN, The New York Times e The Washington Post concluíron que foi o fogo das IDF o que causou a morte de Akleh. A CNN mesmo indicou que puido ser un obxectivo das IDF. O 24 de xuño, a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (OHCHR) concluíu que Abu Akleh fora asasinada por un dispado das IDF. A investigación da Autoridade Nacional Palestina chegou á mesma conclusión, indicando que foi deliberadamente abatida mentres intentaba fuxir.

A natureza da súa morte e a posterior interrupción violenta do seu funeral pola policía israelí, que atacou os portadores do seu cadaleito armada con porras, provocaron unha ampla condena internacional a Israel. Ao seu funeral acudiron decenas de miles de palestinos e crese que foi o meirande funeral en Xerusalén dos útimos vinte anos.

Sabías que...?

editar


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario